Na hiper aula o labor do profesorado é deseñar actividades que fagan que o alumnado estea motivado e descubra por si mesmo o método de recollida do patrimonio, tanto material como inmaterial. E nese proceso de descubrimento é onde adquiren os coñecementos e habilidades que lles van permitir estar capacitados para enfrentarse a calquera outro tipo de investigación. O noso labor é servir de guía e asesorar nas ferramentas a utilizar como: mapas do IGN, Visor Xeográfico da Xunta, aplicacións como Genially con contidos interactivos, tendo sempre clara a metodoloxía de traballar en equipo e a valoración do patrimonio como obxetivo principal.
Foron precisas reunións de coordinación entre o profesorado para decidir a estructura e o contido de cada sesión, sempre tendo en conta a observación e o guiado dos traballos dos equipos que, por suposto, ían a diferentes ritmos.
En varias sesións conxuntas iniciais en "gran grupo" fomos indicando os seguintes conceptos e presentando as seguintes ferramentas:
CONCEPTOS
-A definición de Patrimonio, tanto material como inmaterial. Video catedral
-O método de investigar en equipo. Recorremos a exemplos de traballos de recollida de patrimonio xa feitos no centro como "Os pasos no río Verdugo"
FERRAMENTAS
-Presentámoslles aplicacións interactivas como Genially para que utilizaran de referencia como unha aplicación on line onde envorcar a recolleita do traballo de campo.
-Utilizamos videos de entrevistas ás avoas elaborados por alumnado do centro noutros cursos, que axudaron a entender a idea da "paciencia" como concepto nas entrevistas.
-Utilizamos videos de etnografía galega como "O carro e o home" de Xaquin Lourenzo para ilos introducindo no concepto de recollida etnográfica.
-Repartimos "in extremis" unha ficha de apoio á recollida de léxico onde se presentaron preguntas que servisen de guía nas entrevistas cos avós/avoas e veciños, os "informantes".
A mensaxe sempre foi clara: temos un patrimonio herdado dos nosos ancestros dunha riqueza impresionante, hai que protexelo e valoralo.
Debuxos realizados polos equipos de Forzáns e Tourón de Ponte Caldelas
A proposta do traballo que lles fixemos máis concretamente foi:
Investiga o patrimonio da túa contorna, ou no pobo onde vive algún avó ou avoa, en equipo con outros 2 ou 3 compañeiros/as, analizando os seguintes puntos:
-Analiza a paisaxe, a ordeación do territorio e os cambios que se poden interpretar a partir dos mapas do IGN, comparando por épocas. (Aportacións á materia de Ciencias Sociais)
-Recolle léxico relacionado coa vivenda antiga, a contorna da vivenda, os utensilios utilizados ou léxico de camiños. Ficha creada
-Recolle lendas, ditos, contos que se usaban para interpretar os sucesos da vida. (Aportacións á materia de Lingua Galega)
-Identifica os elementos patrimoniais significativos do teu pobo como cruceiros, petos, pasos do río, calzadas, hórreos, petróglifos, chozos, levadas, muíños. Represéntaos con debuxos, fotos ou 3D.
-Envorca todo ese material recollido nunha aplicación interactiva ben organizada con enlaces que permitan facer unha exposición final que luza o esforzo realizado. (Aportacións á materia de Tecnoloxía)
Deixamos varias sesións de hiper aula para elaborar os traballos. Coincidiu cunha época de moita chuvia, así que non foi doado tirar as fotos. Pero despois dun tempo, empezamos a visualizar os resultados. Víamos entrevistas aos avós, montaxes de videos, fotos de hórreos, de cruceiros e debuxos.
Así que insistimos na necesidade de seren coidadosos na elaboración de todo ese material e comezaron a envorcalo na aplicación interactiva. Debía haber enlaces que nos levaran a máis información, ou a debuxos ou imaxes dos elementos ou enlazar o índice.
Debuxo realizado polo equipo de Tourón, Ponte Caldelas
FOTOS DURANTE O PROCESO DE ENVORCADO DA INFORMACIÓN RECOLLIDA EN CAMPO POLOS EQUIPOS NA AULA DE ORDENADORES
Enlaza se desexas pasar ao seguinte apartado de Resultados
AUTORÍA DO PROXECTO
Isabel Torres Jack, Profesora de Tecnoloxía do IES de Ponte Caldelas
Susana Trigo Arcos, Profesora de Ciencias Sociais do IES de Ponte Caldelas
Sabela Otero Gago, Profesora de Lingua Galega do IES de Ponte Caldelas
3ºESO curso 2019/20
AUTORÍA DA WEB
Isabel Torres Jack, profesora de Tecnoloxía do IES de Ponte Caldelas
Todas as fotografías están protexidas con copy-right,
Esta página web ha sido creada con Jimdo. ¡Regístrate ahora gratis en https://es.jimdo.com!